27/4/08

Super Mario Bros



¿Que se pode dicir deste xogo? Mario é, probablemente, a personaxe máis famosa dos videoxogos, ademáis de ser a mascota de Nintendo. Este non é o primeiro xogo no que aparece, pois xa antes saía no Donkey Kong e no Mario Bros, pero é este Super Mario Bros o que definitivamente o eleva ós altares.

O argumento do xogo é arquetípico. Un día o pacífico reino Champiñon é invadido polos malvados Koopa, unha tribu de tartarugas que practican a maxia negra. A única que podía salvar o reino do influxo dos malvados Koopa era a princesa Peach, que desafortunadamente está secuestrada por Bowser, o rei dos Koopa. Aquí é onde intervén Mario, que xunto ó seu irmán Luigi irá na busca da princesa, para salvala a ela e a todo o reino.

O xogo consta de oito mundos divididos en catro fases cada un. Na fase final de cada mundo enfrentaremonos con Bowser, ou eso cremos... Segundo imos avanzando a dificultade vai aumentando, como é lóxico, e unha vez rematado o xogo dasenos a opción de volver a comezar en nivel díficil. Durante a viaxe Mario terá que ir loitando contra diferentes Koopas, normalmente saltandolles enriba para desfacerse deles, anque algúns hai tamén que darlles unha patada despois... Se un inimigo toca a Mario perdemos unha vida, non sendo que antes colleramos un cogumelo, co cal medraríamos e un toque dun inimigo o que fai e volvernos ó noso estado anterior. Sendo "grandes" podemos coller unha flor, que nos dará a habilidade de lanzar bolas de lume para rematar cos Koopas. Ollo, porque cun toque dun inimigo volvemos directamente a ser pequenos, sen pasar polo estado intermedio. Outro power-up que hai é a estrela que nos da uns breves instantes de invencibilidade (non contra caídas por barrancos ou á lava). Para gañar vidas hai varias maneiras, unha é collendo o cogumelo verde, outra recollendo cen monedas, e a terceira tras darlle unha patada a un Koopa Troopa este mata a varios inimigos.

É este un xogo que non podedes deixar de probar aqueles que nunca xogarades, e que seguro recordaredes con agarimo aqueles que xogarades. O plataformas de scroll lateral máis famoso, aínda que non o primeiro, pois xa había un para Atari.

No hay comentarios: